Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta avoga pola colaboración de pais, nais, educadores e profesionais tic para garantir un uso responsable de internet entre os menores


Mar Pereira inaugurou a primeira xornada da iniciativa “Rapaciñ@s. A tecnoloxía ben segura”, impulsada polo CPEIG en colaboración coa Amtega

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, destacou que “a prevención, baseada na información e na educación é fundamental para evitar casos de ciberacoso e para que os adolescentes saiban como actuar ante unha situación deste tipo”. A responsable da área tecnolóxica da Xunta afirmou que “dende a Administración pública somos conscientes de que a forma de abordar esta problemática é en colaboración con todos os axentes implicados, educadores, pais, nais, menores e profesionais do ámbito tecnolóxico”.

Pereira destacou que esta é a filosofía de iniciativas como “Rapaciñ@s. A tecnoloxía ben segura”, impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Amtega e que inaugurou esta tarde xunto co presidente do Colexio, Fernando Suárez.

O presidente do CPEIG subliñou a importancia da formación tecnolóxica dos máis novos para “afrontar os desafíos futuros dun mundo globalizado que se baseará na informática como é o que propugna a denominada Sociedade da Información.” Suárez incidiu tamén no “compromiso de pais e nais na formación dos nosos fillos tamén na contorna tecnolóxica, que formará parte activa da súa vida” para poder darlles “pautas de comportamento e establecer un clima de confianza de forma que acudan a nos ante canto atranco ou dificultade lles poida xurdir”.

Rapaciñ@s consta dunha serie de charlas informativas que percorrerán Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG e que deu comezo con esta xornada na Cidade da Cultura. O obxectivo é ofrecer a familias e docentes información e recursos de interese, namentres as nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan.

Conferencias de Enrique Dans e Rocío Ramos-Paul
Esta xornada inaugural contou coa participación d o profesor de Sistemas de Información en IE Business School, Enrique Dans, que abordou os riscos na rede coa charla “Nenos, Rede e futuro: o perigo está en non estar”. A continuación, a psicóloga Rocío Ramos-Paul, autora do “Manual de Supernanny”, expuxo cuestións relativas á “Educar na era Dixital”.

En paralelo celebráronse obradoiros para nenos de entre 8 e 14 anos sobre navegación segura, realidade aumentada, protección de datos… Estas actividades combinaron aspectos lúdicos e didácticos.

Límites e oportunidades
A era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Rapaciñ@s vai de normas e límites para un uso seguro da Internet e tamén de valores e oportunidades na esfera dixital.

Na enquisa feita aos asistentes das xornadas ”Navega con Rumbo polo Ciberespazo”, impulsadas polo CPEIG en máis de 170 centros, en relación á pregunta “Que outros aspectos do campo das novas tecnoloxías cre que serían necesarios abordar en charlas no seu centro?” resultaron destacadas dúas temáticas: as redes sociais e menores,elixida polo 75,58% dos participantes, e técnicas de control parental, elixida polo 58,72% dos participantes. Destas preocupacións nace a iniciativa Rapaciñ@s.